Sunday 05 de May de 2024

O XIII campionato municipal de pesca infantil do Concello de Frades duplica a súa participación


A decimoterceira edición do Campionato Municipal de Pesca Infantil, organizado polo Concello de Frades, acadou esta fin de semana todo un récord de participación, con case corenta nenos e nenas menores de 16 anos. Unha cifra que supón duplicar a participación rexistrada nas últimas edicións. Ademais, moitos dos pequenos estiveron acompañados polos seus pais, nais e avós, de xeito que a actividade reuniu a máis de setenta veciños e veciñas na área recreativa do Muíño de Campoduro (Céltigos).

O campionato comezou ás 10:00 horas deste sábado. O tempo acompañou e cada participante levou entre dúas e catro pezas para a súa casa. Unha vez rematada a xornada de pesca, o alcalde de Frades, Roberto Rey, e o concelleiro de Medio Ambiente, Juan Carlos Portos, fixeron entrega de cadanseu trofeo conmemorativo aos participantes, así como unhas lambonadas. Un acto no que estiveron acompañados polos concelleiros de Medio Rural, Manuel Ferreiro, e Infraestruturas, Ramón Garabato. O campionato rematou cun pequeno almorzo a base de empanadas e bollos para repoñer forzas.